OpenStreetMap logo OpenStreetMap

Diary Entries in Galician

Recent diary entries

Posted by DeLouredo on 29 October 2023 in Galician (Galego).

O Baceliño, con preciosas vistas do outro lado do pobo, parte do barrio do Coutiño (ollo a estes nomes e ó cerca que están, como sinalei na foto anterior, e canto diminutivo utilizado). Nesta zona situou o PXOM do concello de Cortegada unha “casa grande”. Por desgraza, denomínana como “do Cazapedo”, cando tan topónimo inda se atopa a uns cantos metros de distancia. Mal menor sería dicirlle “do Coutiño”.

Así queda descrita na ficha patrimonial: “Edificio de planta rectangular de grandes dimensións, muros portantes de perpiaños/cachotería de granito á vista, dúas alturas e cuberta a catro augas con cubrición de tella plana. En contraposición a fachada posterior, lisa e sen vans na planta terrea, na principal destaca a presenza dun corredor e nas laterais balcóns voados con varandas de ferro”.

O código do elemento é o 6-15, a localización en plano é EX-03 e a clasificación do solo denomínase Solo de Núcleo Rural Histórico.

Captura da ficha patrimonial

Durante un tempo non tiven seguro cal era esa casa grande, pero o detalle das ventás, que a seguir vos comparto nunha foto, decantou a conclusión como que era esta, hoxe denominada “da Olguita”, que foi anteriormente do Ramón, “o sacristán” e que, grande como é, foi máis dunha vivenda e cun máis dun dono.

Captura de Fb onde aporto datos

Location: O Baceliño, Casa Grande da Canliña, Louredo, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, España
Posted by DeLouredo on 29 October 2023 in Galician (Galego).

A Canliña. Unha zona pequena e alta situada entre A Tella e O Coutiño, cunha casa grande como referencia, lindante con terreos de escasa lonxitude e dispostos en sucalcos, con muros realizados en pedra e escaleiras integradas neles.

Ei van unhas liñas de José R. Veiga Formigo, que alí vivíu:

“Mis recuerdos son de la infancia y adolescencia. Era la casa de mis abuelos maternos y de las reuniones familiares inolvidables. Su situación es antes de llegar a Fonte da tella, a mano izquierda en un alto. Desde su balcón yo me sentaba a leer las aventuras del Capitán Trueno, y más adelante, y con otra edad, Los Gozos y las Sombras etc..”

Mapa da zona A Canliña

Location: 42.220, -8.146
Posted by DeLouredo on 30 January 2023 in Galician (Galego).

O actual cruceiro da Alfarrapa é contemporáneo do situado no cruce de Refexón co Tabolado. O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Anterior a eles é o do barrio da Torre. Os tres compóñense de pedestal, fuste octogonal e cruz. Non teñen imaxes.

O anterior cruceiro que aquí estaba caeu por mor dun carro que chocou con el, segundo unha versión. O párroco, don Esteban Viso, decidíu poñer os restos no muro da súa viña, ben visibles, e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro, por obra e desexo de don Juan Míguez (mesmo autor que o do Tabolado). Os restos están ben visibles no muro da antiga viña de don Esteban, no Pireiro, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade.

Location: Casa Grande da Granxa, Rabiño, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, 32200, España
Posted by DeLouredo on 29 January 2023 in Galician (Galego).

O cruceiro máis antigo de Louredo en pé. Sería o modelo no que se fixaron canteiros do pobo, como o señor Xaquín ou Juan Míguez, para tallar os outros dous?

Cruceiro e detalle do pé

O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Este cruceiro, como o do Tabolado e o da Alfarrapa, segue un mesmo estilo sinxelo, de fuste octogonal e sen imaxes.

O único con inscricións, ilexibles inscripcións na súa base. Este pé de cruceiro ten varias (queda pendente revisar por cantas caras, pero alomenos son dúas (ollada onde se percorre o pé do cruceiro dende o frontal, pasando ó lateral esquerdo, traseira e lateral dereito: https://bit.ly/3Che3rK). Esta vese se te pos fronte a el e te agachas polo lado esquerdo. O solpor axuda a detectar os riscos, inda que eu non me atrevo a dicir que poñen. Xeralmente, data de confeción e donante.

Este cruceiro moveuse hai bastantes anos. Orixinalmente, ocupaba un recuncho, en curva, onda a casa “da raiana”, pretiño da casa do “grilo”.

O barrio da Torre queda en ladeira, limitando cos lugares dos Diestros e O Regueiro, na parte alta, co Cazapedo, por un lado, e O Outeiriño, polo outro.

Diante deste cruceiro pasa a procesión da festa do san Xoán, a da natividade do bautista. Pretiño del soe pararse a imaxe para a primeira oración (a segunda é na praza do Cazapedo) e a partir del enfílase cara o Cazapedo, comenzando a veces a tocar a banda que ameniza o paso.

Actualmente, o cruceiro de Louredo máis antigo que segue en pé (o máis antigo sería o que se conserva en parte, esnaquizado, no muro da viña do Pireiro, o único con imaxinería).

Clica para máis información

Location: 42.222, -8.146

Situados na beira dun muro dunha viña, no lugar do Pireiro, estes anacos dun vello cruceiro son o testemuño máis antigo dun cruceiro en Louredo. Este situábase na Alfarrapa, preto da Telleira, e é un modelo único no pobo. Dispuña das imaxes do Crucificado, no alto, por riba dunha caveira, ós pés da cruz, onde estaban dúas imaxes máis: san Xoán e a Virxe. Digo que é único porque os cruceiros que viñeron despois son todos moi parecidos entre eles, sen imaxe algunha. Se o da Torre resulta ser o máis antigo en pé, podería ser o modelo que se seguí para os da Alfarrapa e Tabolado, ambos da autoría de don Juan Míguez Domínguez.

Este vello cruceiro caeu por mor dun carro que chocou con el, segundo unha versión, ou foi derribado por algúns republicanos en datas cercanas ó alzamento nacional, segundo outras fontes orais. O párroco, don Esteban, decidíu por os restos no muro da súa viña, ben visibles, e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro. Os restos están ben visibles no muro da antiga viña de don Esteban, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade.

Máis en:

  1. Notas sobre os cruceiros de Louredo
  2. Notas sobre restos do cruceiro no Pireiro
Location: Casa Grande da Canliña, Louredo, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, 32200, España

O cruceiro do Tabolado

O cruceiro do Tabolado, ou de Refexón, é o único que está nun cruce de camiños. Varal octogonal, sen inscripcións, un pedestal, sen imaxes. No cruce Louredo-Refexón (cara Remuíño, Arnoia)-Tabolado (Louredo, en liña cos barrios dos Veciños e O Pazo). O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Do mesmo estilo que o da Alfarrapa e A Torre.

Confluencia de camiños

Postos ante o cruceiro (https://cutt.ly/Rb9UofQ), o camiño que sobe cara o pobo e barrio de Louredo (https://cutt.ly/2b9UYVi) queda ás costas (https://cutt.ly/Vb9UJHU), mentres que o do Tabolado (https://cutt.ly/Eb9UFHp) ábrese á man esquerda. Polo primeiro chegas ó peto de ánimas (https://cutt.ly/Rb9U8NJ) e tamén ós restos da escola pía (https://cutt.ly/Yb9Iw9Z). Polo segundo, ás viñas do Pireiro (https://cutt.ly/Bb9UQ6f), Tras do lagar e A Ladeira, ademais da escola do Tabolado (https://cutt.ly/Cb9IQS6), hoxe centro social. Hai un terceiro camiño, o da dereita, Refexón (nos mapas, Refoxón), que baixa cara Remuíño (https://cutt.ly/ob9IRwM) e que empata ca estrada cara Zaparín. Inda que se percorre en coche, hai un camiño que é o vello, quizás hoxe de monte e non practicable (https://cutt.ly/Bb9IUb7), polo que pasaron moitos louredeses no seu camiño ós muíños (https://cutt.ly/Rb9IFTL) do Inquiau (https://cutt.ly/ZYZMwXA).

O nome de cruceiro

Cruceiro do Tabolado, nun cruce de camiños. Moitos din que o cruceiro colócase en lugares así, pero non éa única opción á hora de entender de onde vén a palabra “cruceiro”. Tamén se fala de que poden ser construción en pedra que recordar a cruz procesional. E hainos que macan os límites de poboación (cruz de término).

Por exemplo, en Louredo este é o que mellor recolle as ideas de cruce de camiños e de término. Os restos do vello cruceiro da Alfarrapa, colocados nun muro da viña do Pireiro, por azar recollen a de cruce. Mais, o actual da Alfarrapa está á beira do camiño, quedando a varios metros dun cruce (A Telleira, Soutelo), inda que ben pode ser un de término. O da Torre, tamén á beira, a uns metros da estrada que segue cara O Outeiriño e Os Veciños e o camiño que sube cara os Diestros.

Unha práctica devocional

Cando se pasaba diante dun cruceiro en Louredo había quen rezaba: “Adorámoste, Cristo, y bendecísmote, que por tu santa Cruz redimiste el mundo” (oración que forma parte do Via Crucis).

Un contiño

Alí, na encrucillada do Tabolado, un veciño de Louredo atopouse co demo e recomendoulle este un acto de fe… de fe cristiá!

Xa o contaron os pais dos meus pais, sinalando mesmo o lugar onde aconteceu esta historia. Nos días en que os louredeses baixaban a Remuíño a moer o gran de millo, aconteceu que un home, cargado co seu saco, atopou outro, cun lume pequeno que o quentaba. Eran tempos nos que se cargaba o froito da terra e o traballo dos labregos, levándoo dende as casas ós muíños da zona do Inquiau, no paso do río Arnoia polo concello do mesmo nome.

O camiño de Refexón, en baixada, era unha posible vía romana, e fora percorrido polo padre Sarmiento no s. XVIII.

Chamámoslle Refexón (Refoxón nos mapas) e comeza nunha encrucillada, onde unha simple cruz bendice a quen lle dedica unha oración tranquila.

O caso é que o veciño de Louredo levaba o saco ó lombo e pasou diante do cruceiro de pedra e do home do lume coma quen pasa por diante dun gato. Uns pasos máis alá escoitou que o home lle dicía: escoita, xa que non me saúdas, polo menos saúda a este que está ó meu lado (referíndose á cruz de pedra). Seguíu o seu paso.

Á volta, buscou os restos do lume que quentara a aquel home misterioso… E non os atopou! Fora o demo que, en forma humana, merodeaba pola aldea esa noite!

Para máis información

Location: Casa Grande da Canliña, Louredo, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, 32200, España

Hai camiños pouco coñecidos, con historias que esmorecen na memoria dos nosos maiores. Nestes tempos de tantas facilidades comunicativas, estes camiños poderían quedar na memoria de moitos máis. Precisamos darlle voz á historia e ás historias dos camiños pouco transitados.

Un deles é o que baixa de Soutelo a San Benito do Rabiño. Unha estrada onde caibe un coche e que foi vía de comunicación física e espiritual. Todos pasaban diante do cruceiro de Soutelo.

Unha construcción devocional que non chamaría demasiado a atención de non ser por onde e como está colocada. Enriba dun penedo medio soterrado, cunhas pedras como cuñas que o sosteñen, álzase este cruceiro nun aparente inestable equilibrio. Nos meus años de vida nunca escoitei que caera. Mais impresiona velo así, colocado como de calquera maneira, cunha base sen preparar, como se o puxeran alí porque non había máis onde polo e fosen a recolocalo en breve. Acadou tal altura por ampliación do camiño? Por que non labraron unha base chaira ou ca forma do seu pé? Non vos dá a impresión de que pode caer en calquera momento?

Máis en https://delouredo.blogspot.com/2019/05/cruceiro-de-soutelo-cortegada.html

Location: 42.218, -8.155
Posted by DeLouredo on 17 March 2022 in Galician (Galego).

Os Veciños ten algo único: un patio con dúas portas, que dá aceso a dúas casas, ca súa fonte compartida. Para chegar a unha delas podes coller desde a adega do Manolo aguarenteiro, meterte por onda a adega do tío Antonio (d.e.p.) e seguir o caminiño de terra. Inda quedan unhas viñas traballadas, pero son as ruínas as que van marcando unha dinámica de desgaste. O tempo pasa, incluso borrando a pintanda que inda se distingue nunha parede. Pintada histórica, froito dun traballo con nocturnidade e dun tempo fraticida. A eira dos canastros ve como a pedra aguanta, pero non así a madeira. E a roupa que inda se poida colgar alí recordará que inda hai xente que cre que a Lúa branquexa as súas prendas albas…

Pasear, parar e ver:

Location: 42.224, -8.148

Vistas do monte onde algúns situaron un castro e que polo 1930 serviu para despaxar un anaco de terreo como campo de fútbol para a mocidade.

Location: Casa Grande da Canliña, Louredo, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, 32200, España

Preto de Louredo, en terras do Rabiño, parroquia de san Benito, no límite cas terras de Refoxos, enfrente do Coto da Forca. A actual cruz da Buratiña está conformada por dous materiais: a pedra de parte do deu pé e o cemento co que conformaron unha sinxela cruz. A dicir dalgúns maiores houbo aquí un cruceiro e don Ramon Rodriguez di que recorda os restos daquel cruceiro polo chan, cando saía pola zona a pastorear. Hai quen di que puido ser un encargo da señora Urbana, que vivía en Refoxos, ó señor Juan, canteiro que deu a Louredo os cruceiros da Alfarrapa e O Tabolado.

Actualmente, queda nun altiño, entre toxos e monte, inda que se chega ben, pois quedan restos dun camiño. Un pode aparcar a poucos metros dela e visitala. A face da contorna mudou radicalmente cas obras da nova estrada Cortegada - Celanova, que deixou moi mala entrada a Louredo, inda que mellorou a comunicación cos pobos, reducindo curvas e mellorando sensiblemente o firme. Queda parte da anterior estrada, co que se fai máis sinxelo imaxinar o aspecto de hai uns anos. Esta cruz, cando era cruceiro, quedaba na confluencia de camiños, entre Louredo e Pousadoiro, Soutelo e Zaparín, Cortegada e Celanova.

A Buratiña é un topónimo que o padre Sarmiento recolle nas súas notas sobre a viaxe que fixo por Galicia no 1745. Pasou por aquí, tras atravesar parte do Ribeiro, A Arnoia, Remuíño, subir a costa de Refexón, pasar por Louredo e coller cara Refoxos, para despois tirar cara Celanova.

Enfrente da cruz queda un alto, un monte que comparten os do Rabiño e Refoxos. Digamos que metade e metade, cousa que se nota na plantación arborícora. Trátase do Coto da Forca, que seguramente leva ese nome como lugar limítrofe onde se impartiría xustiza ou se dirimiron contendas por saber onde remataban as terras de cada poboación. Un alto dende o que se divisa boa parte da contorna e cuxa cima se acada en poucos minutos.

A un paso da cruz está o vello campo de fútbol de Louredo, que poucos anos coñeceu en activo. Depois aproveitouse como campo de “paintball” e hoxe está de monte. Se segues cara Louredo atopas a nave do Perricho, adicada ós mateirais de construción. No monte cercano, unha cova de escasa lonxitude e misteriosa historia, pois inda non dei con quen me dixera cando e por que se abríu. Pretiño dela, o vello transformador da Tella, adicado a unha serrería que ardeu e da que apenas queda algún resto físico e a memoria dos veciños. Dende a cruz, se se colle a costa cara Zaparín, chegas ó Coto da Moura, conxunto de pedras que ben paga a pena visitar, pois volver estar limpo o monte por esa zona, tras anos agachada entre toxos, silvas e fento. Non queda memoria de lendas relacionadas con el. Seguindo a costa, o Alto da Sardiñeira, onde as mulleres que vendían pescado polo pobos da contorna se xuntaban. Alí se intentou buscar unha vea potente de auga, pero quedou a busca en nada. Un camiño polo monte leva ata o santuario da Nosa Señora da Guía, lugar fermoso onde a igrexa quedou a medio construír. Tamén se pode coller para Zaparín, A Raíña, Piñón e baixar ata Remuíño por unha estrada estreita e curva, con belas vistas dos montes.

Como complemento: 1. Vídeo da zona e a cruz: https://youtu.be/OQ39ABO918U 2. Fotos da contorna, na zona do campo de fútbol: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=934081570831262&id=100026882823682 3. Louredo visto desde O Coto da Forca: https://sxlouredo.blogspot.com/…/louredo-dende-o-coto… 4. A misteriosa cova da Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=890503791855707&id=100026882823682 5. O vello transformador da Tella: https://www.facebook.com/photo?fbid=240458600193566&set=a.192430768329683 6. Como chegar desde Louredo: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=897391357833617&id=100026882823682 7. Coto da Moura: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=926916664881086&id=100026882823682 8. Parte da Buratiña e o Coto da Forca desde o barrio dos Veciños: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=785329449039809&id=100026882823682 9. Mapa parcial da zona, sen sinalizar a cruz da Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=902135940692492&id=100026882823682 10. Escrito do padre Sarmiento, citando Louredo e A Buratiña: https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=492747108298046&id=100026882823682

Location: Casa Grande da Granxa, Rabiño, Cortegada, O Ribeiro, Ourense, Galicia, 32200, España

O templo parroquial de san Xoán de Louredo está adicado a san Xoán bautista, sendo a festa patronal o 24 de xuño, data precedida de novena. Algunha vez se celebrou novena, tamén, para celebrar o día do martirio, o 29 de agosto, pero o normal é que se celebre Misa ese día, sen máis. A parroquia pertence ó arciprestado de Ribadavia, sendo parte do de Cortegada anteriormente. Foi no 2013 cando este desapareceu e se pasou a aquel, na última reforma arciprestal diocesana, baixo o pastoreo de monseñor Leonardo Lemos Montanet.

De sinxela feitura, consta de unha sola nave, con espadaña sobre porta maior, con espazo para dúas campás, e dous pequenos locais a ambos lados do presbiterio, sendo un a sacristía e o outro un almacén. As campás levan dous anos diferentes: a grande é de 1923, mentres que a pequena é de 1953, sendo o fundidor Malingre (desde mesmo ano e fundidor é a estatua de bronce dedicada a monseñor Francisco Blanco Nájera, sita no claustro do Seminario Maior de Ourense). Segundo testemuña da época, as dúas campás eran do 23, pero a pequena rachou e refundiuse.

Nos laterais do templo sobresaen dous contrafortes.

Tres son os retablos, de factura local, da man do artista de Remuíño, José “O Choio”. Segundo se mira cara o altar maior, o da esquerda contén figuras de varios santos: san Antonio abade na cima, debaixo del santo Antón de Padua, ca Virxe do Carme á súa esquerda e santa Rita á dereita; o da dereita está adicado a diferentes advocacións marianas: na cima a Virxe de Luján, estando por debaixo a Inmaculada (ou Ascensión), acompañada da de Fátima á esquerda e a Dorosa á dereita; e no central temos no alto un Neno Xesús que aperta á cruz, por riba dunha preciosa talla en madeira do patrono san Xoán, que se acompaña do Sagrado Corazón á esquerda e san Xosé á dereita.

Fóra de altar, nunha peana, á esquerda, agochado polo púlpito, a imaxe procesional do bautista, de sinxela feitura e material; á dereita, unha pequena virxe de corte románico, polícroma; finalmente, un cristo articulado, alineado ca porta lateral, que hai anos servía para celebrar o desencravo con certa solemnidade, colocándose logo nunha urna de madeira e cristal. As dúas imaxes das peanas laterais, di a xente que viñeron da vella capela de Louredo, sita no barrio homónimo, hoxe desacralizada, trala súa venda a un particular.

Máis información: https://sxlouredo.blogspot.com

Igrexa de san Xoán de Louredo

Location: 42.223, -8.145
Posted by Monchinho on 11 December 2021 in Galician (Galego). Last updated on 29 December 2021.

Listaxe do que levo feito por concellos:

-Engadidos censos de moitos concellos. Engadidos censos por aldeas e parroquias de Brión e Negreira. Engadidos censos por aldeas de Urdilde e Agrón.

AMES -Revisadas todas as aldeas das parroquias de Ames, Agrón, Covas, Bugallido, Piñeiro, Lens, Tapia e Trasmonte. Varias melloras en todo o territorio.

ARTEIXO -Engadida microtoponimia do Porto Exterior da Coruña.

BAIONA -Engadida microtoponimia da península de Monte Real e a contorna do Cabo Silleiro. Corrixidos erros.

A BAÑA -Engadidas todas as aldeas que faltaban. Engadido rueiro de San Vicenzo. Corrixidos varios erros.

BECERREÁ -Arranxada Igrexa de San Cristovo. -Corrixidas aldeas da parroquia de Penamaior.

BEGONTE -Engadidas aldeas que faltaban en Baamonde e San Martiño de Pacios. Corrixidos erros ortográficos e rueiro de Baamonde.

BOIRO -Engadidas aldeas que faltaban da parroquia de Macenda.

BOQUEIXÓN -Corrixidos algúns microtopónimos.

BRIÓN -Engadida toda a información posible das parroquias de Viceso, Ons, Luaña e Cornanda. Áreas forestais, aldeas, edificios e casas, áreas industriais, igrexas, capelas, pazos, patrimonio, estradas, camiños, microtoponimia completa, regueiros, árbores, taboleiros, sinais de tráfico, etc. Suavizadas estradas e camiños. -Engadida toda a microtoponimia de Boullón. Engadida igrexa de Boullón. -Engadida a microtoponimia da contorna de Saíme e do extremo dos Ánxeles con Boullón e Saíme. -Arranxada parte da microtoponimia que estaba mal do resto das parroquias. Correccións por todo o territorio. Engadidas parroquias. Engadidas rúas dos Ánxeles.

CARIÑO -Engadida microtoponimia e novos illotes do Cabo Ortegal.

CARNOTA -Engadidos microtopónimos e illotes da contorna de Quilmas, O Pindo e Caldebarcos. Correccións varias.

CERVO -Engadida microtoponimia dos Farallós e corrixidos erros.

A CORUÑA -Engadidos microtopónimos costeiros desde o límite con Arteixo até pasando a Torre de Hércules.

DUMBRÍA -Engadidas aldeas que faltaban da parroquia do Ézaro. Corrixidos erros ortográficos.

FISTERRA -Engadidas aldeas que faltaban e corrixido todo o rueiro da vila. Correccións varias.

A FONSAGRADA -Corrixidas aldeas das parroquias de Monteseiro, A Trapa e O Vilar da Cuíña. -Engadidos algúns microtopónimos e corrixidos outros.

A GUDIÑA -Corrixidos os nomes das aldeas de Pentes e pequenas correccións.

LAXE -Revisado todo o rueiro da vila, engadindo rúas e corrixindo outras. Correccións ortográficas.

LOBIOS -Engadidos algúns microtopónimos no límite con Portugal nas parroquia de Manín e A Illa.

LOUSAME -Engadidas todas as aldeas que faltaban. Corrección de varios microtopónimos e algúns engadidos.

MALPICA DE BERGANTIÑOS -Engadida toda a microtoponimia das Illas Sisargas e tamén algúns microtopónimos das proximidades.

MAZARICOS -Engadidos os nomes das rúas do Pino de Val e algún comercio. Corrixido o rueiro da Picota e engadidas varias rúas.

A MEZQUITA -Corrixidos erros na zona da Vilavella.

MONDOÑEDO -Corrixido lugar de San Cristovo (Os Remedios) e creada capela.

MONTERROSO -Engadidas as aldeas que faltaban da parroquia de Esporiz.

MUROS -Mellorada a parroquia de Louro revisando o rueiro, engadindo as aldeas que faltaban, engadindo a microtoponimia, corrixindo erros, etc. -Mellorada a parroquia de Lira, especialmente Portocubelo e toda a zona da piscifactoría engadindo microtoponimia e corrixindo erros. -Revisadas e engadidas as aldeas que faltaban e outras correccións nas parroquias de Esteiro e Tal.

NAVIA DE SUARNA -Corrixidos os nomes de todas as aldeas. Engadidos algúns microtopónimos.

NEGREIRA -Engadidas todas as aldeas que faltaban do concello e corrixindo outras. Outras correccións. -Revisado todo o rueiro, engadidos comercios e actualizados outros. Engadidos varios elementos patrimoniais. Engadidos pasos de peóns e suavizados estradas e camiños. Melloras múltiples.

NEGUEIRA DE MUÑIZ -Corrixidos algúns nomes de aldeas.

NIGRÁN -Corrixidas As Estelas e engandida a súa microtoponimia.

NOIA -Engadidas as aldeas que faltaban. Corrixidas algunhas rúas e comercios.

OUTES -Engadidas as aldeas que faltaban e corrixidas moitas outras. Pequenas correccións en microtopónimos e estruturas.

PADRÓN -Engadidas todas as aldeas que faltaban e corrixidas outras. Revisadas algunhas rúas.

PONTECESURES -Engadida a toponimia maior que faltaba e pequenas correccións.

A PONTENOVA -Mellorada parroquia de Vilaboa.

O PORTO DO SON -Corrixido e ampliado o rueiro de Portosín. Engadidos moitos microtopónimos. -Corrixido e ampliado o rueiro do Porto do Son. Engadidos algúns microtopónimos. -Corrixidos erros ortográficos. Correccións dalgunhas estruturas e suavizado de estradas. -Engadidas aldeas que faltaban de Miñortos, Goiáns e Noal.

RIBEIRA -Engadida toda a microtoponimia do arquipélago de Sálvora, incluídos ducias de illotes, toponimia marítima e correccións varias. -Engadidos algúns microtopónimos de Aguiño e Castiñeiras.

O RIÓS -Engadidos algúns microtopónimos na parroquia do Riós.

RIOTORTO -Revisada e corrixida toponimia maior da parroquia da Órrea.

ROIS -Engadidas todas as aldeas que faltaban do concello. -Corrixidos e engadidos varios microtopónimos por todo o territorio. -Engadida moita información na zona da capital e arredores e tamén no Sisto (Ribasar). -Casas, árbores e muros da Pedreira, limítrofe coa Pedreira de Brión. -Mellorado núcleo urbano de Urdilde e accesos ao corredor Brión-Noia.

SANTA COMBA -Revisado e ampliado todo o rueiro da vila. -Engadidas aldeas que faltaban da Pereira, engadidos microtopónimos e comercios. Corrección de varios erros.

SANTIAGO DE COMPOSTELA -Contorna do Hotel Garcas, en Sabugueira. -Completadas aldeas das parroquias da Enfesta e Sabugueira. Correccións varias. -Outras pequenas correccións.

SANTISO -Corrixidas aldeas de Beigondo e algún microtopónimo.

SILLEDA -Correccións na Bandeira.

TEO -Revisada a fondo e corrixidos varios erros na parroquia de Calo. -Pequenas correccións en Luou, Reis e Lampai.

TOQUES -Pequenas correccións e engadidos.

VAL DO DUBRA -Revisado, corrixido e ampliado rueiro de Bembibre. Engadidos varios microtopónimos e camiños da parroquia de Bembibre.

VEDRA -Corrixidos varios microtopónimos e tamén algúns nomes de aldeas.

A VEIGA -Engadidos varios microtopónimos das parroquias da Ponte e Xares. Corrixidos moitos outros.

VIANA DO BOLO -Engadidos varios microtopónimos das parroquias de Pradorramisquedo e Cepedelo. Corrixidos moitos outros.

VIGO -Corrixida e completada toda a microtoponimia da Illa de San Martiño e os illotes que hai cara ao sur.

VILAGARCÍA DA AROUSA -Engadidos algúns microtopónimos da Illa de Cortegada e tamén uns poucos urbanos da vila.

MADRID -Engadidos varios elementos e rúas na zona de San Ignacio de Loyola (Las Águilas). Corrixidas varias paradas de autobús e outros elementos.

2021/Decembro/11